Alfonso X
Alfonso X de Castela (Toledo, 1221 – Sevilla, 1284), coñecido como Alfonso X o Sabio, foi unha das figuras culturais máis relevantes da Idade Media peninsular. Durante o seu reinado impulsou unha intensa actividade literaria, científica, histórica e xurídica e promoveu a creación e tradución de numerosas obras.
A súa relación con Allariz é especialmente significativa: pasou parte da súa infancia en terras galegas e a tradición histórica vincúlao coa vila, que recibiu importantes privilexios durante o seu reinado. Esta conexión forma parte da pegada medieval que permanece na historia e no patrimonio alaricano.
A súa obra
Alfonso X impulsou unha extraordinaria produción cultural na súa corte. Dentro da súa faceta literaria destacan especialmente as Cantigas de Santa María, unha das grandes obras da literatura medieval europea, composta por máis de catrocentas cantigas escritas en galego-portugués e acompañadas de música e miniaturas.
A súa obra e o seu labor como promotor cultural contribuíron decisivamente ao prestixio do galego-portugués como lingua da lírica medieval.





