A Mariñeta
A Mariñeta é un proxecto de artesanía e deseño situado no corazón do casco histórico de Allariz, xunto á igrexa de Santo Estevo. O seu nome nace dunha lembranza familiar ligada ao rural e resume unha filosofía que reivindica as raíces, os oficios tradicionais e o valor das pezas feitas a man.
O espazo funciona como obradoiro, tenda e lugar de encontro, reunindo creación propia e traballos doutros artesáns e artistas, cunha aposta pola autenticidade, o deseño e a creatividade.
A súa obra
A creación propia de A Mariñeta céntrase especialmente na confección artesanal de complementos téxtiles. No seu obradoiro nacen pezas feitas a man nas que se combinan deseño, funcionalidade e sostibilidade, empregando tamén retallos reutilizados para crear pezas únicas. A súa marca chámase Mamá Sara e fan honra a súa avoa Sara.
O proxecto conecta así a tradición artesanal coa creación contemporánea, mantendo unha relación directa coa identidade e coa vida cultural de Allariz.





