Jesús Carrera Conde
Jesús Carrera Conde é un artesán natural de Tioira e residente na aldea de A Costa, no concello de Maceda, onde ten o seu taller. A súa afección polo traballo manual acompáñao desde a infancia, especialmente a talla e o traballo da madeira. É fillo de Manuel Carrera, oleiro que traballou na histórica olaría do Batán de Tioira.
Co paso dos anos desenvolveu tamén unha singular dedicación á recuperación de máquinas de coser antigas, chegando a reunir unha colección de máis de 230 exemplares restaurados e en funcionamento.
A súa obra
O seu traballo está ligado á recuperación de obxectos e saberes tradicionais. Restaura máquinas de coser antigas, traballa a madeira e constrúe artesanalmente rodas de afiar, tomando como referencia a antiga roda do seu sogro, que exerceu o oficio de afiador.
Tamén realizou diferentes traballos para a comunidade de A Costa, entre eles unha cruz de castiñeiro de catro metros e medio, coa que contribuíu á recuperación dunha antiga tradición da aldea.
