José Suárez Fernández
José Suárez Fernández (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) foi fotógrafo e cineasta, considerado unha das figuras máis relevantes e internacionais da fotografía galega do século XX. Comezou a fotografar moi novo e en 1921 publicou os seus primeiros traballos na revista Vida Gallega, con reportaxes relacionadas con Allariz e a Festa do Boi.
A súa traxectoria, marcada pola vangarda e polo exilio, levouno a traballar e fotografar en Galicia, Arxentina, Uruguai, Xapón e diferentes países europeos. En 2026, a Real Academia Galega de Belas Artes dedicoulle o Día das Artes Galegas, celebrando o seu acto principal precisamente en Allariz.
A súa obra
A fotografía de José Suárez caracterízase por unha mirada humanista, moderna e profundamente vinculada ás persoas e ao seu territorio. Desenvolveu importantes series etnográficas arredor dos oficios, o traballo, as romarías e a vida cotiá, afastándose dunha visión puramente folclórica.
Allariz ocupa un lugar fundamental na súa obra. Fotografou a romaría de San Vitoiro, a Festa do Boi e as mallas de Paicordeiro e San Salvador dos Penedos, deixando un valioso testemuño visual da sociedade e da cultura alaricana do seu tempo.





