Tono Arias
Tono Arias (Ducí, Allariz, 1965) é fotógrafo documental e creador galego. Iniciou a súa traxectoria profesional no fotoperiodismo nos anos oitenta, traballando para diferentes medios de comunicación, e posteriormente desenvolveu unha carreira independente arredor da fotografía documental, editorial, artística e comercial.
En 2012 puxo en marcha Dispara, un proxecto cultural situado na Estrada que funciona como espazo expositivo, editorial, libraría especializada en fotolibros e punto de encontro arredor da fotografía contemporánea.
A súa obra
A memoria, a identidade, as tradicións e o territorio están moi presentes na súa fotografía. Entre os seus proxectos destaca especialmente NÓS, iniciado en 2006 na casa familiar de Ducí, en Allariz, onde retrata os espazos, obxectos e persoas da súa familia para reflexionar sobre o abandono e a transformación do rural galego.
A súa produción inclúe numerosos proxectos, exposicións e fotolibros, entre eles Encarnados, DesXeo, RAZA ou Veñen Corvos Voando Baixo, varios deles recoñecidos con premios de fotografía contemporánea.
